3 abr 2017

Artai e Ana, dous valores de futuro na II Gala do Deporte de Gondomar


Na II Gala do Deporte do Concello de Gondomar, resultaron premiados dous deportistas do noso Club Xadrez Laroca. Esta vez foron Ana Fernández Carneiro en feminino, que repite por segundo ano, e Artai Bringas Gómez en masculino.



Artai Bringas Gomez, residente en Peitieiros, é un dos valores de futuro do noso club. Aos seus 14 anos xa dispón dun ELO de 1.778 e consegue poñerlle as cousas moi difíciles a mestres do xadrez con moita máis experiencia que él. Actualmente está a disputar a liga Galega de Xadrez no equipo do Laroca-C onde xogando sempre nos primeiros taboleiros segue invicto, con 5 vitorias e 1 táboas das cinco partidas que disputou en segunda división e unha en primeira co Laroca-A. Ademais participou neste ano no Campionato Provincial de Pontevedra sub-14, onde quedou segundo empatado a puntos co primeiro, e no Campionato Galego sub-14 conseguindo terminar no oitavo posto dun total de 43 participantes.

No noso club temos postas grandes esperanzas neste pequeno gran cerebro e cremos que pode facer grandes cousas neste deporte do xadrez, de feito xa as está a facer e a súa progresión é incrible.
Por todo isto e por moito máis foi premiado nesta II Gala do Deporte de Gondomar como mellor deportista na disciplina de xadrez deste Concello.

Na categoría feminina de Xadrez, un ano máis, recibiu o premio Ana Fernández Carneiro que tamén con 14 anos segue superándose a se mesma ano a ano. Neste 2017 participou no Campionato Provincial de Pontevedra sub-14, onde acadou o posto once da clasificación xeral e primeira feminina, e no Campionato Galego sub-14 terminando no posto dezaoito da clasificación xeral e logrando converterse na subcampioa feminina. É tamén unha habitual nos torneos do Circuíto Galego de promoción onde o ano 2015 logrou o título de campioa feminina na categoría sub-12. 
Pero Ana non queda aquí, segue e segue e nestes días de Semana Santa vai probar nunha categoría superior, participando no Campionato Galego sub-16 que se celebra en Padrón. Pero como isto parécelle pouco, tamén se atreve a ir ao campionato de España que se celebrará en Salobreña nos meses de verán, o que seguro que para ela será unha experiencia inesquecible.

Os nosos parabéns a estes dous campións e, como non, aos seus orgullosos pais e nais que, como se pode ver na foto, non caben da dicha, a aposta dos seus fillos por este deporte e a felicidade que lles produce os enche de satisfacción.

Pero quero rematar cunha garimosa aperta persoal para eles dous. Para tí, Ana, a miña sobriña afillada-postiza da que me sinto moi orgulloso, e para tí Artai, o meu compañeiro no Laroca-C do que presumo e seguramente no futuro poderei presumir mais e cando sexa famoso direi aquelo de que "eu xoguei no memos equipo que él aló polo ano 2017"


No hay comentarios:

Publicar un comentario