16 ene 2018

IV Torneo de Nadal Xadréz Mos Sub-2200


Un ano máis o Torneo de Nadal Sub-2200 que organiza o Club Xadréz Mos contou con participación do noso club. Cinco laroqueiras e laroqueiros desprazámonos este fin de semana a Mos para disputar este que xa é o IV Torneo. Mireya Represa Pérez, Artai Bringas Gómez, Jorge Carneiro Penedo, Ana Fernández Carneiro e Ricardo Fernández López fomos os que gozamos destas dúas xornadas de xadrez. Os días 13 e 14 de xaneiro nas instalacións do Club Xadrez Mos, disputáronse un total de 6 roldas a un ritmo de xogo de 60+30.

Ricardo Fernández, o alevín do grupo é xa todo un xadrecista cun futuro prometedor. O segundo ano no noso club e xa se atreve a participar nun torneo como este, e non só iso, ademais permítese o luxo de facer táboas con todo un 1620 e de conseguir 2,5 puntos. Lembrar este nome, cremos que lle espera un gran futuro neste mundo marabilloso do xadrez.


Ana Fernández volvía por segunda vez a disputar este torneo coa intención de mellorar o resultado logrado o pasado ano. Non foi posible conseguilo cos seus 3 puntos quedou só a 0,5 do logrado na edición anterior. Tras gañar 3 partidas enfrontábase na última a Óscar Morais (1611 ELO) coa intención de alcanzar o seu obxectivo pero a diferenza de ELO entre os dous puido máis. Estamos seguros que esta habitual de todo tipo de torneos seguirá progresando na súa carreira xadrecista e chegará a alcanzar outros obxectivos que se expoña.


Jorge Carneiro este ano apuntouse ás táboas e cunha soa derrota na súa partida con Ruben Fernández (1951 ELO), dúas vitorias e 3 táboas logrou 3,5 puntos que o situaron no posto 26 da clasificación final, repetindo os puntos logrados na edición anterior deste torneo. O avó do grupo quedou entre os dous pipiolos e os dous mestres laroqueiros e nesta posición atopouse moi a gusto.


E chegou a quenda do primeiro mestre. Artai Bringas, sen perder a súa progresión, fixo un gran torneo sendo superado soamente pola nosa mestra Mireya. Invicto coas súas catro vitorias e dúas táboas conseguiu 5 puntos cos que logrou o segundo lugar na clasificación final. Queremos destacar a partida da rólda tres na que se enfrontaba a Antonio Alvarez Pampillon e na que logrou unha gran vitoria tras un final no que non aceptou as táboas que lle ofreceu o seu rival. Viuno claro e con moita paciencia e un excelente xogo conseguiu o seu obxectivo, vencer ao que ao final sería terceiro clasificado.


E para rematar pouco máis hai que dicir de Mireya Represa. Un torneo redondo no que cun pleno de 6 puntos conseguiu o primeiro posto na clasificación final, comezou na mesa 1 e xa non a apeou ata o final. Un ano máis conseguiu revalidar o primeiro posto neste Torneo e engadir un trofeo máis ao seu xa repleto andel. Alegrámonos moito por ela porque está a lograr o xusto premio ao seu esforzo e constancia e sentímolo polos seus pais que cada vez deben ter menos espazo na súa casa.

Un ano máis queremos felicitar ao equipo organizador deste torneo. Como en edicións anteriores e noutros torneos fixéronnos gozar deste gran deporte cunha organización perfecta.


Grazas por todo compañeiros do Club Xadrez Mos.



Podium final





No hay comentarios:

Publicar un comentario