15 jun 2020

Dani con o sen Pandemia


Este ano 2020 tiñamos que organizar o IX Torneo de Xadrez Dani da Rocha Prol, unha especial homenaxe deste club "Laroca" pra o noso amigo Dani que celebramos sempre con unha grande participación a mediados do mes de xuño.

Unha cousa chamada Pandemia provocada por un bichiño redondiño e con anteniñas impediunos facelo como nós queríamos, como Dani merece. Pero no Club Xadrez Laroca somos fieis aos nosos principios e xa que non pudemos organizar un gran torneo nun gran pavillón rodeados de moi boa xente do xadrez, tiñamos que buscar unha solución para que Dani non quedase sen o seu torneo.

Como se achegaba a data e en vista que non poderíamos facelo como queríamos lanzamoslle ao noso querido Artai Bringas o reto de organizalo na plataforma e da maneira que considerase máis oportuna. E, como era de esperar, Artai nunca dí que non aos retos, púxose ao tema e conseguiu montar un gran torneo. 

Hoxe, 13 de xuño, día de San Antonio, as 17:30 horas e na plataforma Lichess.org xuntamonos 160 xadrecistas de todo o mundo mundial, mantendo en todo momento o distanciamento social requerido, e as medidas de seguridade contra o COVID19, para honrar un ano máis a memoria de Dani da Rocha e gozar ao mesmo tempo do noso deporte favorito.